Muuhlloa une leite ecolóxico, plantas medicinais e talento rural para crear cosmética galega natural, sostible e con raíz na Ulloa.


Os produtos de Muuhlloa
A nosa historia
Granxa Maruxa, en Monterroso, e Milhulloa, en Palas de Rei, son dúas iniciativas que estaban destinadas a atoparse. Non só por seren veciñas da comarca da Ulloa, senón porque a base que as impulsou hai xa vinte anos foi a mesma: a de recuperar granxas familiares que esmorecían para defender a viabilidade de proxectos sostibles e innovadores no medio rural; Milhulloa co cultivo de herbas aromáticas e medicinais, Granxa Maruxa co valor engadido do leite ecolóxico e coa fusión da gandaría coas artes.
Era doado que as cinco mulleres que lideran estes proxectos se admirasen de xeito mutuo, pero no 2016 decidiron dar un paso máis e xuntar os seus coñecementos nun produto conxunto: a primeira cosmética ecolóxica galega elaborada con leite de vaca recén muxido. Con bagaxe en farmacia, bioloxía e no mundo empresarial, Marta e María Álvarez, Chusa Expósito, Carmela Valiño e Anxos Orgueira son Muuhlloa. O laboratorio co que traballan, situado no Carballiño, e as empresas coas que colaboran, rurais e con base en en Galicia, fan que todo quede na casa, aínda que os seus produtos cheguen ben lonxe!
Primeiro foi un leite corporal con oleato de milfollas, a planta idónea para rexenerar a pel. Despois veu unha loción capilar inspirada nas receitas de Hildegarda de Bingen, esa monxa renana do século XII considerada a primeira feminista da historia, e que está elaborada a base de estruga, romeu, salvia, buxo e pemento de Padrón. O último foi unha crema facial rexeneradora con leite, oleato, alga, sidra e cera de abella. Muuhlloa conxuga o muu das vacas, o h das herbas e o nome dunha comarca onde está o quilómetro cero da cosmética galega, ou o que é o mesmo, da cosmética da natureza.
Vídeo
Cada produto ten unha historia. Descubre as familias e obradoiros que fan posible Son de Lugo.