Embutidos Suarna

Navia de Suarna

Levan máis de vinte anos elaborando embutidos artesáns ligados á montaña lucense, mantendo tradición, territorio e sabor en cada peza.

Imaxe de portada de Embutidos Suarna
Logotipo de Embutidos Suarna

A nosa historia

"Semella que nos estás vendendo Navia de Suarna en lugar de vendernos embutidos", dixéronlle unha vez a Mari Carmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna. Noutra feira, tamén lle confesaron que o recendo do seu posto transportaba ás cociñas das casas das avoas. Ela quixo gardar estas frases, e definirse con elas. Os seus produtos están vencellados ao territorio, tanto é así que a súa empresa foi a primeira en comercializar o embutido por excelencia do municipio, a androlla.

A historia comezou hai máis de vinte anos, cando botou a andar a festa de exaltación deste produto no concello. Mari e o seu home, Hortensio Díaz Robledo, fixeran 50 unidades para vendelas, aproveitando o escaparate do seu supermercado no centro da vila. Parecíalles moito, pero o ano seguinte esgotaron as 300 xa antes do día da feira. Vista a demanda e as necesidades familiares, preguntáronse que por que non montar un obradoiro.

Embutidos Suarna fixo da androlla un produto non estacional, senón para todo o ano. Dos seus secadoiros tamén penden butelos da Montaña, anoados no estómago, e pigureiros, embutidos no cego. Chourizos, lomo, cecina, lingua ou panceta viñeron sumarse á oferta, toda ela certificada coa Carta de Artesanos nunha fábrica que tamén dispón do título de Taller Artesanal. Son cinco mulleres da zona as que traballan nela baixo a dirección de Mari, que continuou coa empresa logo do falecemento do seu home. Non se ve o fume de carballo no embutido, pero é esencial para darlle sabor. Así tamén o é a comarca, a conciliación, a forza e a superación. De todos eses ingredientes tamén están feitos os Embutidos Suarna

Galería

Vídeo

Os datos de Embutidos Suarna

Teléfono

621 491 575

email

tienda@embutidosuarna.com

Localización

Coñece todos os nosos produtores

Cada produto ten unha historia. Descubre as familias e obradoiros que fan posible Son de Lugo.