ISTO É SON DE LUGO

Contámosche que é Son de Lugo e quen estamos tras esta iniciativa, como pretendemos facer as cousas, en que momento e desde que lugar. Acompáñanos neste percorrido.

Que?


Son de Lugo, das nosas mans á túa casa. 
Quince produtoras do sector agroalimentario das comarcas de Lugo iniciamos unha cooperación en rede para distribuír o froito do noso traballo por toda Galicia e a península Ibérica. Son de Lugo permíteche argallar un menú completo desde un único enderezo web: hortalizas, verduras e froita, lácteos e queixos, pescado, carne de porco e de tenreira, embutidos, legumes, especias, herbas aromáticas e infusións, viño e tamén cosmética.

Quen?

Arqueixal. Lácteos e queixos da DO Arzúa-Ulloa. A Ulloa.

O Almacén do Peixe. Peixe e mariscos. A Mariña.

A Carqueixa. Carne de tenreira galega suprema. Montaña / Ancares.

Céltico. Carne e produtos cárnicos de porco celta. A Terra Chá.

Don Gabino. Queixos DO San Simón da Costa. A Terra Chá.

Embutidos de Suarna. Embutidos típicos da Montaña de Lugo. Montaña / Ancares.

Muullhoa. Cosmética. A Ulloa.

Novomar. Peixe e mariscos. A Mariña

Milhulloa. Hortalizas deshidratadas, infusións, especias e cosmética. A Ulloa.

Proencia. Viño DO Ribeira Sacra. Ribeira Sacra.

Terras da Mariña. Fabas IXP de Lourenzá e outros legumes. A Mariña.

Como?

Un click en Sondelugo.com e poñémosche o teu pedido na porta da casa. Sondelugo.com será como ir de feira a golpe de clic. A idea é que non teñas que saír de Sondelugo.com para facer a túa compra. Poderás ir á carnicería e escoller pezas de vacún de A Carqueixa, de porco celta de Céltico, así como Embutidos de Suarna. Na peixaría, Novomar e O Almacén do Peixe serven os mellores froitos mareiros. Terras de Mariña achega os legumes. No entanto, no noso andel dos lácteos ofertamos queixos das DOP Ulloa (Arqueixal) e San Simón da Costa (Don Gabino). Na nosa adega hai viño da DO Ribeira Sacra de Proencia. Milhulloa ocúpase de ter atendido o herbolario e as infusións. Finalmente, na nosa sección de cosmética ofertamos as propostas de Muuhulloa. 

Cando?

Poderás facer o pedido comodamente desde a túa casa ou en calquera sitio, desde o teléfono móbil, e estará na túa porta nuns poucos días. Os prazos variarán dependendo das propias características e necesidades de conservación dos produtos. Sondelugo.com é unha tenda on-line intuitiva, concibida para que perdas o menor tempo posible: todo o que precisas está nun só enderezo.

Onde?

Somos conscientes do noso privilexio. Vivimos nunha terra na que o sector agroalimentario é un dos principais motores económicos e un dos que achega máis emprego e innovación. Os nosos produtores e produtoras están comprometidos cun territorio ameazado polo despoboamento e son responsables de preservar unha paisaxe e unha cultura ancestral, mais son conscientes tamén de que nada disto é posible se unhas condicións de vida dignas. Sabemos facer, e moi ben, queixos, pan e viño. Capturamos o máis saboroso do Cantábrico. Os nosos produtos cárnicos proceden de animais ceibos e pastoreados en prados, soutos e carballeiras que conforman a nosa contorna a carón de alvarizas centenarias. A orografía e o clima permiten variedades de fabas excelentes e hortalizas magníficas, amais de herbas aromáticas de incalculable valor. Son de Lugo somos xentes da Ulloa e da Ribeira Sacra, da Chaira e da Mariña e tamén da Montaña e xuntámonos nesta iniciativa para poñer á vosa disposición o mellor de nós. Saber e sabor sentan á mesa.

Comentarios (0)

Produto engadido á lista de desexos

Utilizamos cookies propias para o correcto funcionamento da web e do seu servizo. Os de terceiros para coñecer mellor o tráfico da nosa web.