Alberto Uría quixo, hai once anos, desandar o camiño que levou á súa familia a emigrar de Pena da Nogueira, unha aldea de Negueira de Muñiz, no límite con Asturias. Logo de estudar Dereito e Enxeñaría forestal, convencido de que o seu era o campo, viu nas abellas unha escusa perfecta para volver ao rural. Nunca se lle esquecerá o que lle dixo a súa avoa cando lle levou o seu primeiro tarro: “mel, como a de toda vida”. Iso que para ela era normal o tempo fixérao extraordinario. Ese foi o pulo, non só para recuperar o mel, senón o país —termo que utiliza fiel á súa acepción primeira de territorio vívido—, do abelleiro.
A produción anual deste abelleiro que só vende mel propio baixo a marca Outurelos varía entre as tres toneladas e a tonelada e media. Non todos os anos sabe igual, pois non sempre as sete variedades da uz presentes na zona florecen do mesmo xeito, nin tampouco as silvas, xestas ou castiñeiros. Iso si, o manexo sempre é artesán, tradicional, responsable da convivencia entre o ser humano, a abella e o oso, convivencia que modelou esa arquitectura circular de alvarizas, ‘cortinos’ na zona. De feito, Alberto produce cada ano unha edición limitada cuxos beneficios dedica integramente á recuperación e posta en valor destes cortinos.
Ter as abellas no monte dálle máis traballo, pero tamén máis satisfacción. Sabe que o seu valor ambiental reside nese manexo, e que ese valor, cando é sabido, tamén é saboreado. Que unha culler de mel pode emocionar. Para comunicar esa cultura herdada, Alberto Uría escribiu o libro El País del Abeyeiro, que hoxe dá tamén nome ao seu Ecomuseo en Pena da Nogueira, un lugar que acolle visitas guiadas e cursos sobre a apicultura tradicional e outros saberes. Un lugar que é un país enteiro.
Calificación Comentarios (0)