Mel Melosa formámolo unha familia de 4 membros, meus pais, meu irmán e eu, os que ata que eu tiña 5 anos vivíamos nesa aldea. Por motivos laborais dos meus pais, e de oportunidades para nós, mudámonos a Becerreá (a uns 40 minutos), aínda que non deixamos de ir todas as fins de semana a Trabado. Eu mesmo, Hugo, fun o creador deste proxecto pero agora dedicámonos ás colmeas principalmente meus pais e eu, aínda que o meu irmán axúdanos nos temas da páxina web.
Foron pasando os anos, e alá polo 2018 e tras ver que unha das alvarizas (na nosa zona chamámoslle cortín) que foran dos meus antepasados, e nas que non había colmeas dende o meu visavó, estaba a deteriorarse por completo, a penas se vía xa co monte, decidín restaurala (xunto cun cabano de pastoreo que estaba ao lado), poñer colmeas e crear a marca Melosa. Trátase dunha zona na que antigamente había moito oso, e nos últimos anos tamén está chegando a todos os colmenares máis próximos ao noso, aínda que nós de momento fomos librando (tamén levamos moito traballo colocando pastores eléctricos e manténdoos nun estado óptimo).
Todo o proceso que realizamos é totalmente artesanal, ata para poder acceder ao cortín únicamente se pode ir en tractor, xa que ata se cruza un pequeno río, empregamos fume con follas naturais para danar menos as abellas, deixámoslles moito mel durante o inverno xa que o pobo está a 950 metros e os invernos son duros, cambiamos as ceras de forma moi escrupulosa facendo que as abellas dispoñan de cera renovada todos os anos, etc. Unha boa mostra de que o entorno é privilexiado, e do bo trato que teñen as nosas abellas é a escasa mortandade que temos (en torno a un 2%), algo que nos permitiu crecer axiña pasando en 3 anos de 6 a 130 colmeas.
En canto ao proceso de extracción do mel facémolo en frío, para non danar o mel, e únicamente o sacamos dos cadros cunha máquina centrifugadora, e deposítase nos bidóns previo filtrado para que non se colen restos de cera. Unha vez que cumple un mínimo de 25 días no bidón, nunha sala con desumificadores para que non colla humidade, comezamos a envasalo. Polo tanto o mel é dunha calidade inmellorable, xa que as abellas atópanse inmersas en plena natureza, sen tráfico nin contaminación, nin pesticidas, e realízase un proceso no que se coida a calidade ao máximo.
O noso mel, en estado líquido, é de cor case negro, e cando calla ponse dunha cor máis marrón oscuro. As abellas extráeno principalmente da floración da uz, da carqueixa, do castaño, das silvas e tamén do melato de carballo. O máis característico do noso mel é que pese a ser un mel de montaña, e de cor negro, ten un sabor moi dulce, á vez que intenso, e non sendo nada amargo como ocorre con outros meles de montaña con presenza da uz. Ten moi boa aceptación a verdade, o cal nos agrada moito.
En canto á marca e ao logo, tivemos en conta ao oso (neste caso osa) como parte deste oficio, xa que o terreo é de todos e debemos de aprender a compartilo entre todos. Aínda que nos da traballo manter as colmeas fora do seu alcance, é un animal que nos fascina, e que nos agrada que o haxa na nosa zona, de ahí o nome de MelOsa e o logo característico da nosa etiqueta.
Vendémolo en formato de 1kg, de 500 gr e agora temos un novo bote de 470gr. Con vós tiña pensado traballar o formato de 1kg e o de 470gr. (adxunto fotos).